03_PARADA TÉCNICA


Hai uns anos, noutra ruta por Portugal, detivémonos na Ponte da Barca. Mentres paseábamos, achegóusenos unha muller que, o como escápaseme, notou que éramos de Galicia. E o que alí soltou por aquela boca... Diante duns descoñecidos, puxo a caldo aos políticos municipais (Cabroes! Pasmoes!), de volta e media á muller do seu curmán, o único do Concello que casualmente ela salvaba (Don Vito: pase o que pase, es da familia) para, finalmente, falar de España como o faría un neno de Eurodisney. Que ben aproveitastes os cartos da Unión Europea! Canto progresastes! Non coma nós, aquí todo o gastaron nese paseo á beira do río. Cabroes! Pasmoes!


Despois veu a Merkel e igualounos a todos.


Nunca, e tivemos xa unhas cantas oportunidades, acabamos de penetrar en Allariz. Quedámonos nese envoltorio fluvial, o Arnoia, no que os sabios destoutro país aproveitaron os fondos de desenvolvemento. Porque, aínda que a min tamén me parece que existían cousas mellores nas que empregar o parné, recoñezo que lles quedou ben. Pero que moi ben. E se, despois, o que hai dentro decepciona? Imaxínaste que a vila puidese ser coma un ovo Kinder? Non. Hoxe, tampouco. Aquí paramos para mexar e estirar as pernas. Evitemos os riscos na viaxe.