19_TODOS OS CAMIÑOS LEVAN A PINHÃO E NON SEI O PORQUÉ

Ademais, existe o vicio de indicar mesmo cousas que non hai. Porque, a ver, quen é o guapo que atopa a praia fluvial? Ula?
Así que, a Pinhão pódese acceder en coche e sen navegador.

Como turista estacional e como autóctono o resto do ano, comprendo perfectamente tanto a pachorra na condución duns, como a a ansia de escapar dos estorbos dos outros.

Aqueles: vimos de vacacións, gústanos ollar a paisaxe e só nos presta a paso de tartaruga.

Estoutros: Icebergs a 5 millas de proa? Isto é o Titanic! Forzade a máquina para deixalos atrás o antes posible.

En calquera caso, velaí un aviso para navegantes: os adiantamentos en Portugal adoitan ser propios da F1. Automóbil que alcanzan, automóbil que despachan sen contemplacións.

Pinhão tamén conta cun cais e cunha pequena estación de tren, paradas habituais nos dous casos para aqueles visitantes que se achegan ben, polo Douro, superando encoros, ou ben pola beira do río, esquivándoos. Sen dúbida esta última constitúe a mellor opción. As vías discorren pola marxe norte de tal xeito que, se sacásemos a man pola fiestra, case poderiamos mollar os dedos... mentres buscamos pola area da praia.