04_O CASTELO DE MONTERREI


Cando fedellei na internet para informarme dos lugares nos que pretendía parar, ademais de saírme o castelo de Monterrei como un estupendo picadeiro (cousa que confirmo, o sitio, non a práctica) sorprendeume non atopar unha referencia clara dos horarios de apertura e peche. Así, na entrada, polo acceso dos vehículos (hai outro peonil) conviven dous carteis. Un xenérico para anos anteriores e outro, no portal mesmo, que indica que para o verán do 2013 o recinto pódese visitar todos os días de 10:30 a 20:00. Unha vez que accedes ao interior, tes liberdade para moverte por onde queiras agás no que atinxe á igrexa. Para iso, necesitas que o empregado da oficina de turismo che abra a porta e che “guíe”. Póñoo entre comiñas porque me dou a estraña sensación de que non sabía nin unha letra máis do que podería poñer nun folleto (por certo, moi escasos) dos que reparte aos visitantes. De que o chapou con desgana. Lembro a súa expresión mentres nos ensinaba o altar, de costas a el, pernas lixeiramente abertas, cabeza inclinada cara ao lado dereito, mirada perdida no chan, brazo do mesmo lado separado nun ángulo duns 30 graos do corpo, palma aberta... Faltáballe o capote e que un becerro entrase ao trapo. Un toureiro farto de espectáculos para guiris.


En calquera caso, a relación calidade/prezo non se pode calcular. Divídese entre cero porque a entrada é gratuíta. E menos mal pois o ton xeral de boa conservación contrasta con detalles coma este:




Parecen manchas inherentes á propia pedra, non si? Ou, no seu defecto, esa especie de liques que tamén se acumulan nas árbores e que constatan a presenza de aire limpo na contorna, verdade? Non sei como estará o da atmosfera pero o que procede do alento das persoas que desembocan por aquí no cumio da torre da homenaxe debe de estar viciado. Son chicles. Centos de noxentas gomas de mascar que os turistas van pegando e que deixan por racional o costume de escribir a boli os teus sentimentos rodeándoos dun corazón. Cousa que, afortunadamente, alí aínda non sucede.

Por sorte, as vistas merecen sobradamente a pena: