13_O PALACIO DE MATEUS

Gabriela ou Rafaela? Xuraría que ao primeiro lle escoitei presentarse co segundo pero despois crin entenderlle a unha segunda guía que se dirixía a ela por un nome máis parecido ao primeiro. Fose isto segundo ou aquilo primeiro, non se pode negar que, primeiro, se trataba dunha profesional competente e, segundo, que a visita ao Palacio de Mateus merece a pena. E iso que a cámara sobra. Primeiro, porque no interior non se permiten as instantáneas e, segundo, porque a foto máis coñecida do exterior pódese contemplar cada día nos estantes dos supermercados etiquetando viños de 4 euros a botella. Quedan os xardíns. Gabriela (ou Rafaela?) referiuse a eles coma un segundo (ou un pequeno) Versalles pero, como non estivemos no primeiro, supoñemos aquel máis extenso, grandioso e variado.


Un consello: que ninguén se fíe dos prezos das entradas que os viaxeiros comentan na internet. Adoitan quedar obsoletos rapidamente.