08_O AGOSTO TRASMONTANO


Hai lugares que se asocian cunha estación. Cunha climatoloxía. Visitar Santiago se non orballa significa perder un dos atractivos da cidade. No que a min respecta, vexo Chaves como unha vila de inverno. Imaxínoa sentado nunha butaca de cadros, mantiña a xogo cubrindo as pernas, ao lado dunha fiestra desde a que se ve o vapor das caldas mesturándose coa néboa fría que cobre o Támega. Polo menos, mentres ma figuro así non penso na calor do verán. Porque agosto é un turista con segunda residencia aquí.