15_GAIUS CALPURNIUS RUFINUS E O Sr. HERCULANO

Recapitulemos: atopámonos cun primeiro guía en Monterrei (se tal nome se lle pode aplicar a aquel empregado do Concello), un individuo en aparencia carente dun mínimo e razoable interese por aquilo que lle debe amosar ao visitante. Como se non houbese un nexo claro de unión entre o traballo que realiza e o salario que percibe. A segunda en orde cronolóxica e, até o de agora, primeira en relevancia, foi Gabriela (ou chamábase Rafaela?), por epíteto “profesional”, alguén que se esforza por cumprir co seu cometido pero co que non sabes se realmente goza. Porque, esta impresión queda reservada para xente coma o Sr. Herculano no Santuario de Panoias.


Hai que dicir que para atopar este lugar nas datas nas que nós viaxamos (agosto de 2013) as sinalizacións -perdón, as obras na estrada que sae de Mateus- inducen a erros. De feito, protagonizamos o segundo caso de turistas extraviados aquel día cousa que, por certo, o Sr. Herculano se ocupou de poñer en coñecemento do seu superior alí presente. Por riba, cando chegas, tampouco che recibe precisamente o parking dun aeroporto e, o pouco espazo do que se dispón, daquela reducíase en boa medida pola presenza de máis obras. Curiosa a situación de Portugal: malia a crise o mundo non parou de moverse, con reasfaltados, colexios de nova edificación, reparacións no centro das vilas...


Todo isto esquécelo cando o aquel home pon a funcionar o vídeo no segundo piso dun infrautilizado centro de interpretación. De sobremesa, as súas explicacións sobre Gaius Calpurnius Rufinus, funcionario do Imperio Romano, que aterrou en Panoias desde Asia Menor, personaxe que mandou erguer un templo no que conservar as súas crenzas - sacrificio de animais incluída. Explicacións sazonadas co descoñecemento do xeito no que os antigos poboadores cicelaron na pedra uns buracos tan estreitos, profundos. Perfectos. E as inscricións na rocha. E o mirador...


Divulgádeo, díxonos o Sr. Herculano. Que máis xente o coñeza e se anime a visitarnos. Petición estimada.